Jacobo da Silva: “O Club de Simpatizantes permitiralle aos mozos entrar en política, formarse e desenvolver actividades”
- A través desta iniciativa, presentada hoxe na sede do Partido Popular, os mozos de entre os 16 e os 18 anos poderán participar da vida de NN.XX.
Lugo, 3 febreiro de 2012.- Novas Xeracións da cidade de Lugo crea o primeiro Club de Simpatizantes de Galicia, que foi presentado hoxe na sede do Partido Popular. O Club permitirá que mozos de entre os 16 e os 18 anos participen da vida da agrupación político xuvenil vinculada ao Partido Popular. O presidente provincial da xunta local, Jacobo da Silva, asegurou durante o acto que con esta iniciativa aqueles menores que así o desexen teñen a oportunidade de “entrar en política, formarse e desenvolver actividades”.
“La Juventud anuncia al hombre como la mañana al día”. Esta frase do poeta inglés Jonh Milton foi a escollida polo presidente local de Novas Xeracións de Lugo para explicarlle aos mozos que forman parte do Club de Simpatizantes o seu papel dentro da asociación “xuvenil máis importante de España”, precisou.
Da Silva asegurou durante o seu discurso que esta declaración representa a esencia de Novas Xeracións xa que “o voso espírito permitiravos, mediante uns valores esenciais, chegar a unha madurez e a liderar o futuro desta organización”.
Para lograr esta preparación necesaria para “abandeirar este proxecto”, dende a xunta local de Novas Xeracións, segundo explicou Da Silva, “ofrecémosvos toda a información, formación e o apoio que necesitedes para facer realidade as vosas inquietudes políticas”. “Novas Xeracións é unha escola de formación continua, na que non só adquiriredes os valores esenciais; senón que tamén aprenderes a facer política e a escoitar a todos aqueles que se formaron no seo desta organización”.
Da Silva comparte a frase que dixo no seu día o grego Kavafis: “A viaxe perseguindo o soño, é o que realmente lle dá valor a este soño”. Así, o presidente local recordou o seus inicios en Novas Xeracións e aconselloulles aos mozos “vivir a viaxe que emprenden con intensidade, porque a algúns xa nos queda moi pouco para baixarnos na próxima estación e este tren tan grande non pode quedarse sen pasaxeiros”.
A iniciativa, á que se poden sumar os mozos de toda a provincia, está coordinada polo responsable da área de Formación de Movemento Xuvenil de Novas Xeracións de Lugo, Sergio Espiño.
Así, os integrantes do Club presentaron hoxe o seu ‘blog’ nun acto que se celebrou na sede do Partido Popular e no que participaron membros da xunta provincial de Novas Xeracións, así como representantes do grupo municipal e o portavoz local do PP, Jaime Castiñeira.
A edil do Partido Popular en Lugo, Raquel Castiñeira, foi a encargada de pechar o acto. A concelleira asegurou durante a súa intervención que “os mozos son o motor principal da sociedade; cheos de soños, de ilusión e de esperanza, pero sen lugar a dúbida, de necesidades”. Ante isto, Castiñeira recordou que o PP “conta e confía nos mozos” e proba diso é que “o actual equipo municipal de Lugo está formado por unha parte importante de sangre nova”.
Así mesmo, a edil asegurou que o “traballo e o esforzo de Novas Xeracións, fai máis forte o noso partido”, así dende o Grupo Municipal Popular “agradecemos que cheguedes a onde nosoutros en ocasións non podemos chegar: á xuventude”.
Por último, Raquel Castiñeira animou aos integrantes do Club de Simpatizantes “a que se deixen escoitar, que non teñan medo de formar parte desta gran familia”. “Queremos escoitarvos, quero escoitarvos, porque vosoutros sodes o futuro”, concluíu.
Filed under: Uncategorized |
Gran iniciativa… enhorabuena nenos!! A seguir así!!!